Cando iniciei a miña aventura como futura Educadora Social fai xa 4 anos, sabía que ía supoñer un antes e un despois non só no relacionado co laboral e formativo, senón sobre todo no eido persoal, ético e moral. Converterse nunha profesional que traballa coa sociedade (si, ese suxeito tan amplo e diverso) co obxectivo de mudala cara un futuro máis inclusivo e igualitario, non só implica análise e pensamento crítico, senón que se sustenta na súa maior parte nunha gran vocación. Moitas veces pregunteime se era posible incentivar esa vocación no alumnado, se outras persoas tiveran a mesma sorte ca min de atopar unha carreira que me enchese tanto como persoa politicamente comprometida. Porque sí, todo é política, e moito máis inda se cabe a Educación Social.
Obtiven a resposta a estas preguntas a semana pasada, cando tiven a oportunidade de achegarme ao Espazo de Igualdade, ese recunchiño lila da pranta 0 que pretende servir como lugar de conexión do feminismo con todas aquelas persoas que decidan pasar pola Facultade de Educación da Coruña. Foi entón cando puiden vivir en primeira persoa a implicación das novas xeracións de profesionais da Educación Social cunha sociedade igualitaria e feminista. Poder ver como ao alumnado de 1º non era só un mero axente pasivo senón que, sendo protagonistas e suxeitos, participaban nun proxecto no que a educación menstrual será a protagonista. Mediante a colocación de carteis provocativos neste espazo, visibilízase así unha realidade dunha maneira creativa, realidade que, a pesar estar marcada pola axenda feminista, segue en moitos casos sendo ignorada. Desta maneira, numerosas estudantes difundiron e cuestionaron as prácticas e prexuízos que rodean á regra, así como as repercusións que teñen estes elementos nas nosas vidas, tanto a nivel individual como na sociedade no seu conxunto.
Son estas iniciativas as que rematan converténdose en pequenas sementes que florecerán en maiores avances institucionais. Poder universalizar e facer entender ao resto de persoas que e por que ocorren as inxustizas é un elemento chave de mobilización social. Porque o cambio comeza con pequenas cousas e porque, como xa dicía o gran pedagogo Paulo Freire:
A educación verdadeira é praxe, reflexión e acción das persoas sobre o mundo para transformalo.
Leave a Comment