Que a menstruación é un tema tabú en maior ou menor medida e dependendo do contexto é algo do que penso que todos e todas somos conscientes. Ademais, todos os que tivemos a sorte de pasar por algunhas das diferentes fases do sistema educativo español, sabemos tamén que o entorno educativo non se escapa desta situación.
Si que é verdade que como muller, nestes últimos anos teño a sensación de que se está a facer unha xigantísima labor en contra da desinformación neste eido, mais segue a ser moito o camiño por percorrer.
Pola parte que me toca como futura educadora infantil, penso que é verdadeiramente imprescindible achegar conceptos como o da menstruación ás crianzas dende ben pequeniños e pequeniñas para combater a ignorancia arredor deste tema e, sobre todo, para naturalizala ante os olliños dos cidadáns do futuro. Temos o poder como sociedade de transformar este silencio en coñecemento e non debemos desaproveitala.
Son moitas as cousas que nos quedan por aprender (tanto a nós mesmos/as como aos rapaces e rapazas) e por algún lado teremos que comezar. Eu opto por pensar no como, na praxis. O máis importante á hora da verdade segundo a miña opinión persoal.
Chegados a este punto, por que vía poderíamos optar para introducir ás crianzas o concepto da menstruación e todo aquilo que a rodea?
O primeiro que me ven á cabeza ao pensar en falar cos nenos/as da menstruación son os contos. Os contos son ferramentas facilitadoras do diálogo nas aulas de infantil e penso que espertarían a curiosidade necesaria para poder falar do tema con liberdade e sen tapujos.
Recentemente unha profesora do centro no que estou facendo as miñas prácticas recomendoume un conto que se chama “Vermella”, da autora Sabela Losada Cortizas e galardoado co Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade no ano 2018 (o ano no que comezou a outorgarse este premio convocado pola editorial Baía).
“Vermella” e un conto escrito en galego no que nárrase a historia de Xulia, unha rapaza á que lle acaba de baixar a regra por vez primeira e quédase na casa un par de días sen ir ao cole porque lle doe a barriga. Leo, o seu irmán pequeno queda na casa cunha amiga súa (Flor) e cando esta vai ao baño atopa unhas pingas de sangue e cóntallo a Leo. E entón cando comezan unha investigación facendo de detectives por toda a casa para averigüar de onde saira o misterioso sangue… Que credes que pasa ao final?
Paréceme unha historia moi sinxela e moi inocente e, polo tanto, un recurso ideal para traballar o tema cos máis pequeniños/as da casa.
Leave a Comment