Somos conscientes de que este ano marcado pola pandemia do coronavirus será moi difícil de esquecer. Pero tamén é certos que tanto os malos recordos como os bos permanecen na nosa memoria, inda que moitas veces sexa necesario facer un exercicio consciente e activo de lembranza destes últimos. Porque si, o 2020 deixounos cousas positivas, entre eles unha serie de fitos que axudaron a regular a menstruación e que abren o camiño para un novo ano con máis avances e menos tabús. Deles gustaríame destacar un momento histórico: cando Escocia aprobaba unha lei pola que as compresas e tampóns pasaban a ser de balde e polo tanto accesibles a todo o mundo. Grazas a esta medida, os produtos menstruais deixan de ser un luxo para converterse nun dereito e conquista do feminismo.
Por que centrarse nesta noticia? Por que a elixín como peche metafórico deste ano? Si, esta pequena e gran vitoria menstrual implica un gran alcance colectivo e social. Pero tamén entraña para min unha experiencia máis persoal.
O ano pasado iniciei a miña aventura de Erasmus en Glasgow, considerada a cidade máis grande de Escocia. Viaxar a outro país supón, para calquera estudante, unha gran vivencia xa non só a nivel educativo senón tamén cultural. Implica coñecer outras realidades, outras maneiras de vivir. Así é todo, parece que moitas veces a nosa visión se ve anubrada por un certo hedonismo que nos impide analizar elementos máis políticos e ideolóxicos. No meu caso, a chegada ao campus universitario de Strathclyde supuxo unha das mellores experiencias da miña vida: un novo lugar, unha nación e un país cunha cultura moi atraente, nova xente que coñecer… pero tamén unha maneira diferente de entender as necesidades das estudantes, sobre todo daquelas que menstrúan. A atención a estas necesidades facíase xa presente coa característica bolsa de benvida universitaria. O que non foi típico para min foi o feito de que entre os agasallos se incluísen preservativos, compresas e tampóns. Facíase polo tanto xa palpable que nas universidades escocesas os produtos menstruais non eran tratados da mesma maneira que nas nosas universidades. Esta idea non foi máis que corroborada días despois, cando tiven que acercarme a unha das lavanderías do campus, xa que nela atopei unha máquina expendedora gratuíta dos xa citados produtos, algo case impensable nos campus universitarios españois.
Todo o descrito fixo que me replantexase, unha vez máis, a realidade da menstruación no meu país. No estado español a responsabilidade da gratuidade dos produtos menstruais segue a día de hoxe recaendo nas mans de colectivos feministas e/ou estudantís. Seguro que non resulta descoñecida algunha das accións reivindicativas que se levaron a cabo na Universidade da Coruña, como a de colocar caixas gratuítas de compresas e tampóns nos baños. Estas iniciativas, moi necesarias, non deixan de ser un parche ás carencias causadas por un sistema universitario que segue a ignorar a realidade das estudantes. En contraposición a isto, os campus universitarios escoceses posicionáronse na vangarda da loita por unha sociedade que entende que este tipo de produtos non son un luxo, senón un dereito. Así, a nación escocesa foi capaz de escoitar con atención e humildade as reivindicacións feministas, converténdose no primeiro país onde os produtos menstruais son distribuídos de maneira gratuíta.
Quédanos moito por aprender e moito polo que loitar, pero estes fitos históricos serven como un pequeno momento de descanso e un pulo de esperanza. Por un 2021 máis feminista e con menos tabús. Feliz ano!
Leave a Comment