Quen fai, pode equivocarse. Quen non fai, xa está a equivocarse.
- 3 de febrero de 2021
- 0 Comments
Hai unhas semanas chegou aos nosos ouvidos que unha alumna da Universidade de Vigo, cuxo nome descoñezo e que a verdade tampouco me interesa, xa que non creo que mereza ser feito máis público do que xa será, fixo unha campaña co gallo de proporcionar ao alumnado da comunidade universitaria produtos de hixiene menstrual de balde. Esta foi a súa intención principal e dende aquí aplaudimos a súa afouteza por ter ideado algo para loitar contra a non gratuidade destes produtos de primeira necesidade. Unha loita xa gañada en lugares coma Escocia neste pasado ano e unha vitoria pola que nós aínda temos que seguir batallando. (Véxase nun artigo anterior do blogue: https://rompendoregras.wordpress.com/2020/12/31/2020-un-ano-cheo-de-loitas-menstruais/ no que a nosa compañeira Uxía Hadaly fálanos deste tema dende a súa experiencia persoal).
Se ben as súas intencións foron positivas dende o primeiro momento, a súa campaña foi desafortunada, xa que pretendía que as alumnas utilizaran un eufemismo á hora de solicitar os produtos de hixiene menstrual, deberían pedir “un bolígrafo violeta».
Se ben é verdade que esta nova xa non é tan de actualidade como foi no seu momento, dende o equipo que configuramos @ollarmosvioleta (a Comisión de Igualdade da Universidade da Coruña) tomamos a decisión conxunta de aplazar a publicación desta entrada no noso blogue por dous motivos principais: non ferir a ninguén profundizando no tema sen deixar pasar un tempo prudencial polas posibles implicacións emocionais dos máis afectados e, sobre todo, por xerar un debate entre nós e construir esta entrada entre todas as que formamos o equipo, deixando un anaquiño de nós nesta entrada e reflexionando no noso grupo de WhatsApp de maneira prolongada no tempo para sacar conclusións ás que pode que non chegaramos de ter frenado a reflexión o día seguinte a termos enterado da polémica.
A resposta en redes foi inmediata: a criminalización das persoas responsábeis de dita campaña. A persoa que tivo a idea desculpouse de inmediato e a institución onde tivo o seu marco, deu resposta rápida, tratábase dunha iniciativa particular dunha sección do alumnado, que lamentan.
Como todo na vida, facemos certas cousas co «automático» posto, coma quen anda en bicicleta despois de ter aprendido hai xa uns cantos anos e, observando situacións como esta de actualidade e de gran repercusión mediática, penso que cómpre pararse un momentiño a reflexionar sobre o acontecido. Cal foi o condicionante (ou os condicionantes) que fixeron que esta estudante actuase deste xeito? Nós, como comunidade universitaria galega fixémonos unha pregunta inevitable: podería ter pasado na nosa facultade? Poderíamos aventurarnos a dar unha resposta a este interrogante pero tal vez é mellor pensar nos porques dos medos, das vergoñas e dos tabús que rodean á menstruación e que conducen a este tipo de accións e tratar de aportar todas as posibles solucións que se nos ocorran. Ao final do día, esta é unha loita conxunta e é iso precisamente o que máis sentido e máis forza lle outorga.
Á vista deste cartaz e desta campaña está o necesario dos erros e as súas consecuentes críticas para conducirmos a algo tan necesario coma o debate aberto que tivo lugar a posteriori. Parece algo tan de sentido común non tirar pedras ao noso propio tellado e, pola contra, o seguimos a facer.
Continuamos a construir campañas e iniciativas deste tipo, dende o tabú, sen tan sequera darnos de conta. Neste caso, aí reside o foco de acción. Temos que afondar nesa idea e traballar todo o que esté nas nosas mans para desnaturalizar comportamentos que tradicionalmente temos asumidos como «normais», como agocharnos para pedir unha compresa, un tampón, unha copa menstrual ou calquera tipo de produto de hixiene feminina a través dun elemento tan banal e pouco significativo coma un bolígrafo, do que todos coñecemos os usos e ao que, dende logo, non hai necesidade de lle atribuir novos significados se somos quen de, como sociedade, nos decatar dunha vez por todas da naturalidade da menstruación.
O pensamento crítico ten que estar presente necesariamente nestes procesos de cambio e , lonxe de despreciar accións similares, deberíamos poñer en valor a aprendizaxe que supón o desacertado da campaña e das reaccións á mesma, para aprendermos delas e termos algo que dicir ao respecto. Neste interese e nesta capacidade crítica é onde reside o valor que lle damos ao esencial desta situación: unha muller que tenta loitar polos seus dereitos e un conflito positivo, resposta da comunidade acerca de como chegar a conseguilos da mellor maneira posible. Unha demostración máis da necesidade de alzar a menstruación como un tema de actualidade, hoxe máis que nunca. Por todas as pequenas vitorias xa conseguidas e, sobre todo, por facer realidade aquelas que aínda non se conseguiron.
Lorem ipsum dolor sit amet, consectetur adipiscing elit. Aenean ut eros quis lorem euismod pellentesque ornare sed tortor. Nunc vitae purus consectetur, ultricies justo sed, imperdiet velit. Sed aliquet risus ut blandit facilisis.
© 2022 KoDesk. All Rights Reserved.

Leave a Comment