Ciberactivismo Menstrual
- 21 de febrero de 2021
- 0 Comments
Aló polo 2015 atopábamonos co caso dunha artista pakistaní que decidiu reivindicar a menstruación e expoñer os tabús que a rodean, subindo unha foto a Instagram na que aparecía deitada na cama, co pantalón e as sabas manchadas de sangue. Esta imaxe foi eliminada dende a mesma rede social (non unha, senón dúas veces), demostrando desta maneira e unha vez máis a necesidade de poñer enriba da mesa todas as miradas e conceptualizacións negativas que a rodean á regra. Así, a polémica que xerou esta censura, obrigou a Instagram a resubir a imaxe, xustificando o ocorrido como un “erro accidental”. Sabemos como funcionan as redes sociais e as dinámicas de retroalimentación que estas establecen cos discursos hexemónicos patriarcais, polo que non é desatinado considerar que a mobilización e presión social foi un elemento central no debate, e non tanto a falsa vontade de enmendar un aparente fallo de control de contido.
Por outra banda, fai un mes unha coñecida influencer e blogueira de moda compartía (tamén en Instagram) unha foto na que aparecía posando cun conxunto branco manchado de sangue menstrual. A diferencia do caso anterior, non houbo nen censura, nen erros incidentais, nen desculpas forzosas. Por que ante un caso semellante a reacción por parte da rede social foi tan diferente?
Para respostar a esta pregunta debemos atender, unha vez máis, as estruturas de opresión e explotación que rixen a sociedade actual. Así, se ben as dúas situacións son homólogas en canto á influencia que o patriarcado exerce na maneira na que as persoas entenden a menstruación, e que se traduce nunha censura de todo aquilo relacionado co corpo das mulleres que non sirva para o consumo masculino; as mulleres que as protagonizan non proveñen dos mesmos países, e a situación económica e rol que exercen na sociedade tamén é diferente. Así, no primeiro caso atopáomonos cunha muller racializada e artista, mentras que no segundo, a muller é norteamericana e dona dun espazo de moda obxecto de inversións millonarias. Desta maneira, capitalismo, patriarcado e colonialismo danse a man nun contexto onde ademais as novas tecnoloxías fortalecen os seus discursos. É curioso ver como certas imaxes son censuradas polas mesmas plataformas que bombardean ás mulleres con anuncios sobre produtos menstruais. Parece que a regra incomoda só naqueles casos nos que o propio sistema capitalista se ve incapaz de sacar beneficio.
Por outra banda, é posible tamén que co paso do tempo, Instagram se dese conta da necesidade de modernizarse ante un ciberactivismo menstrual cada vez máis presente. Xa dende fai un par de anos as novas xeracións están a apropiarse destes espazos como unha ferramenta de reivindicación, de manifestación e de posta en común de experiencias tanto individuais como colectivas. Podemos atopar numerosas iniciativas ao redor da menstruación: dende retos e hashtags virais como #EstoyConLaRoja o #LaReglaYYo, pasando por youtubers que relatan as súas experiencias coas copas menstruais, ou artistas que utilizan as redes sociais como ferramenta de difusión dos tabús que rodean a menstraución (ver https://rompendoregras.wordpress.com/2021/01/18/a-arte-menstrual-nas-contas-de-instagram/), así como o propio proxecto de Rompendo Regras.
Todo o descrito ata o momento preséntanos unha realidade dicotómica onde as novas tecnoloxías e redes sociais ofrecen aspectos tanto positivos como negativos para o avance social. Negativos non só pola censura directa que empresas monopolistas exercen como maneira de control de discursos reivindicativos, senón tamén pola existencia de filtros burbulla e algoritmos que editan e elixen a información en base ás nosas preferencias. Isto provoca que os discursos e reivindicacións só se movan naqueles mundos ou burbullas que xa están abertos a eles, permanecendo invisibles para aquelas persoas que seguen inmersas nos discursos hexemónicos discriminatorios. Internet cambiou a maneira na que se transmite a información: amósannos o que cren que queremos ver, pero non o que temos que ver; establecendo desta maneira non só unha censura directa, senón outra máis indirecta e invisible.
Así e todo, as redes sociais e novas tecnoloxías crearon un novo contexto onde se fai posible a socialización masiva de problemáticas así como a elaboración dunha rede de apoio e comunicación entre diferentes colectivos. Esta chamada sociedade da información bríndanos unha nova maneira de articular os movementos de cambio social, xerando novos coñecementos e estratexias pedagóxicas que permiten compartilos a niveis nunca antes vistos.
O ciberactivismo chega pisando forte, non pechemos os ollos ás súas infinitas posibilidades.
Uxía Hadaly Romero Bouzas
4º Educación Social


Lorem ipsum dolor sit amet, consectetur adipiscing elit. Aenean ut eros quis lorem euismod pellentesque ornare sed tortor. Nunc vitae purus consectetur, ultricies justo sed, imperdiet velit. Sed aliquet risus ut blandit facilisis.
© 2022 KoDesk. All Rights Reserved.

Leave a Comment