Polo simple feito de menstruar, as mulleres somos penalizadas e sufrimos penalidades innecesarias. Desde nenas, ensínannos a esconder a menstruación, a medicalizala, a asumir todos os seus custos económicos, sociais, profesionais, e a usar produtos menstruais perigosos para a nosa saúde e para o planeta.
Ensínannos a vivir disociadas da nosa menstruación: para non minorar a produtividade, para non parar as relacións sociais nin as tarefas de coidados e para non mancharnos. Nun exercicio clarísimo de violencia misóxina, exclusivamente por sermos mulleres, o sistema impide que vivamos a menstruación coa dignidade que require a nosa condición de seres humanas. Ignorando e minimizando a menstruación, impídesenos o gozo dunha vida plena, dunha boa existencia
Non é soamente que se violen dereitos humanos fundamentais como o dereito á dignidade humana, a un nivel axeitado de saúde e benestar, á educación, ao traballo, á non discriminación e á igualdade de xénero. É necesario que se traballe por un dereito específico: o dereito a unha menstruación digna. Tamén por unha xustiza específica: a xustiza menstrual. O acto de menstruar non é só unha acción íntima, é un acto político no senso de restarnos poder, porque se nos impide nomeala, representala e exercela con garantías de igualdade e dignidade en toda a súa complexidade e a súa diversidade. Como acto político ten que formar parte da axenda reivindicativa das mulleres.
Na longa marcha polos dereitos das mulleres, con arela e perseveranza, aprendemos unhas doutras que, nosoutras mesmas, temos que:
• Crear palabras e construír discursos para interpretar e representar o que nos acontece
• Desobedecer sistematicamente os mandatos do sistema
• Promover normativas e leis internacionais, nacionais e locais que amparen os nosos dereitos
• Articular sinerxías feministas entre entidades, asociacións, organizacións e mulleres para vixiar o seu cumprimento.
Desde a Facultade de Educación, desde Ollarmos Violeta, co proxecto Rompendo Regras, queremos celebrar un 8M menstrual que contribúa á desobediencia menstrual e que artelle sinerxías feministas, que sexan quen de activar miradas plurais, capacidades creativas, coñecemento colectivo, imaxinación rebelde e decisións de acción conxunta en prol dunha menstruación digna para todas as seres humanas.
Leave a Comment