1977 – 15 anos de idade – Instituto de Educación Secundaria. Mancha vermella na íngua dun pantalón beige. Desde a Secretaría do centro chaman á casa familiar para que alguén leve esa mancha para a súa casa. Acode unha veciña; non había ninguén en casa. Ela leva a mancha á casa familiar do pantalón manchado. O único que rompe o silencio dentro desa casa baleira é a vergoña da mancha que berra no interior.
1978 – 16 anos de idade – Unha semana de sendeirismo na alta Serra Nevada. O grupo chega por fin ao seu destino: un lago precioso libre de mosquitos e cheo de troitas. Manxar de troita fritida na tixola da fogueira. Alimento dos deuses após días de inxerir alimentos deshidratados de sobre. De noite, dentro e fóra das tendas, lecturas e xogos de cartas, a maior parte das sendeiristas levando aínda traxes de baño semi-mollados para refrescar a pel de verán. Manchas de sangue entre as pernas. De repente unha do grupo comprende a asombrosa converxencia das manchas coas estrelas emerxentes das tebras desa natureza profundamente fermosa.
1986 – 24 anos de idade – Descubrimento da esponxa de mar para substituír o tampón, e das compresas de tea para substituír as “desechables”. Fugas de sangue? Si… produto dunha imperfección felizmente máis ecolóxica.
1999 – 38 anos de idade – Kenia – Reunidas cinco mulleres masai de varias idades e unha estranxeira nunha casa feita de barro, bosta e paos de madeira con teito de palla. Teas de algodón estampadas de diversos motivos e cores envolven as cadeiras e as pernas das reunidas, sentadas. O sangue atravesa as teas dalgunhas e impregna os seus taburetes. Só a estranxeira o nota. As demais, absorbidas na súa conversa amena, teñen outras prioridades e distraccións.
2015 – 54 anos de idade – Nostalxia de ciclos, de cálculos, de vermello, perante o terreo incoloro e intrigante da menopausia.
Leave a Comment