Hoxe, 28 de maio, celebramos o día internacional da Hixiene Menstrual. E digo celebramos posto que, dende esta pequeniña comunidade que conformamos en @ollarmosvioleta queremos convidarvos a festexar a menstruación e a reconciliarnos cos nosos corpos e os nosos procesos.
Por unha parte, se imos falar da hixiene menstrual faise urxente recordar a falta de condicións hixiénicas que sofren moitas mulleres así como do elevado coste dos produtos hixiénico-sanitarios dun só uso; un custo económico, pero tamén ambiental e na propia saúde das mulleres.
Por outra parte, falar de hixiene e relacionalo coa menstruación é unha asociación que me produce unha sorte de inquedanzas posto que non aturo esa relación errónea e nefasta entre a regra e algún tipo de proceso sucio, que precisa ser branqueado e desprovisto de cor, olor e, en definitiva, substancia. Dende anuncios con liquidiños azuis -¿será sangue de princesa?- ata toda unha serie de produtos destinados a que todo ula a rosas: xabóns, compresas, salvaslips… Por se ás mulleres nos puidese quedar algunha dúbida de que hai que tapar, esconder, disimular e minorizar calquera atisbo de nós mesmas que se puidese escorrer entre as nosas pernas.
É precisamente por mor desa obsesión do patriarcado por disimularnos, escondernos, volvernos pequeniñas e encher de tabús e críticas os nosos corpos, vidas e procesos; que xurdiu este proxecto do que me sinto honrada de ter formado parte como alumna en prácticas neste meu último curso de mestrado. Este proxecto é como un enorme e magnífico tear que estivemos a tecer entre moitas: o grupo de traballo de igualdade, as alumnas da UDC, as profesoras tanto a cargo do proxecto como colaboradoras, todas as participantes nos nosos eventos e moi especialmente ti que nos estás a ler, que nos segues en redes, que acudes aos nosos directos en instagram ou que comentas nas nosas publicacións..
Un tear feito entre moitas persoas e tamén con moitas cores- aínda que sempre co filtro violeta activado-, as cores da xustiza social, do aprendizaxe colectivo, da comunicación responsable, do autocoñecemento, da reconciliación cos nosos corpos e da crítica ó patriarcado e ó capitalismo que nos violentan, cosifican, instrumentalizan e deshumanizan.
Así que hoxe, día da “hixiene” menstrual, dende @ollarmosvioleta queremos recordarvos que non hai nada de sucio en menstruar; que a regra é a sangue que menos noxo debera darnos aínda que xusto é a que non sae nas películas de acción e que temos todo o dereito a esixir unha experiencia menstrual saudable, respetuosa e sen estigmas nin tabús. Celebremos este día, como un momento de reflexión para coñecernos un pouquiño máis, querernos máis e mellor e reapropiarnos dos corpos que o patriarcado nos arrebatou. A miña sangue é froito da miña natureza , dos ciclos que se suceden como as lúas e da forza da vida que se abriu camiño muller tras muller a través das miñas ancestras.
Leave a Comment