Tras un curso en que mobilizamos coñecementos para descubrirmos como visibilizarmos e cuestionarmos a menstruación; un tempo en que estivemos a crear contactos dentro e fóra da Universidade, entre profesorado, persoal de servizos e alumnado, organizarmos un laboratorio de participación cidadá parece unha evolución natural para Rompendo Regras.
Os laboratorios de participación cidadá adoptan formas organizativas abertas que buscan impulsar a innovación democrática, flexibilizando a produción de coñecemento e as interaccións sociais. O seu obxectivo é pór en marcha procesos de aprendizaxe experiencial traspasando límites institucionais, disciplinares e sociais. Facendo porosas as fronteiras entre saberes, entre grupos e entre persoas diversas, búscase trasversalizar a participación e facilitar encontros múltiples. Este modo de actuar produce transformacións auténticas desde dentro das organizacións, o que se coñece como cambio como “hackeo” ou como “hospedaxe” de experiencias disruptivas.
Rompendo Regras LAB está a configurarse como unha rede de colaboracións diversas que permite distintas formas de participación e implicación, articuladas de modo distribuído. Procura a autonomía e a interdependencia a partir do traballo por grupos, que se organizan ao redor de intereses concretos. Ao mesmo tempo, é un laboratorio de innovación pública, unha oportunidade para explorar outras maneiras de exercer a cidadanía na Universidade, alén dos encorsetados roles académicos.
Dado que a menstruación é unha experiencia contida, forzada a vivirse case na clandestinidade, desconsiderada en todas as súas facetas, únenos o reto común de visibilizarmos as súas múltiples vertentes: desde a investigación, a formación, a educación, a vida institucional e a cotidianiedade.
Rompendo Regras LAB dirixe a súa atención á realización de experimentos sociais e artísticos, ao desenvolvemento de metodoloxías, ao deseño de procedementos de recollida de información e análise e á abordaxe de retos desde unha perspectiva aplicada. Concíbese como un espazo de experimentación para cruzar experiencias e saberes con perspectiva transdisciplinar e facer interactuar o civil e o cidadán en formas non determinadas. Conxúganse proxectos xa en marcha con iniciativas mobilizadas a partir do pretexto do laboratorio e do encontro entre persoas, colectivos e organizacións con diferentes perfís e inquietudes.
Rompendo Regras é un proceso en marcha e as características que o configuran son froito do movemento e da súa construción aberta e emerxente. Os proxectos que lle dan vida están promovidos por profesoras, técnicas de servizos, alumnas da Universidade da Coruña e por unha organización de mulleres. Entre as colaboradoras atópanse ONGDs, estudantes de diversas titulacións e mestrados, poetas, unha biblioteca municipal e empresas sociais. Entre as mentoras contamos con artistas plásticas, fotógrafas e profesorado da Universidade de Vigo. Os proxectos buscan menstrualizar a universidade, a formación e a investigación. Reverter o ciclo perverso de envelenamento dos nosos corpos e do planeta que producen os produtos menstruales dun só uso. Monitorizan o desenvolvemento de metodoloxías específicas como o fotovoz e a imaxinación sociolóxica. Desenvolven procesos artísticos diversos de construción do eu. Queren resignificar a linguaxe da menstruación e facer visible as experiencias de mulleres con circunstancias vitais específicas e desde unha perspectiva xeopolítica. Ofrecen unha ollada caleidoscópica para dignificar unha condición biolóxica escondida e pór o coidado de nós e do noso planeta no punto de mira.
Leave a Comment